Na primeira proposta do percorrido da Vía de Künig que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares fixemos en maio do ano 2015 cando a demos a coñecer, por unha mala lectura da guía do monxe interpretamos que o seu desvío do Camiño Francés para evitar a agreste orografía e as fortes nevaradas invernais producíase no Porto de Pedrafita: "Dende aquí (Willefrancken/Vilafranca) has de ir por unha ponte/e por outra aínda; agora tesme que entender ben:/se non queres coller o camiño polo monte Allefaber (que erróneamente asociamos a Pedrafita do Cebreiro),/déixao quedar á esquerda/e á altura da ponte desvíate á dereita./Ás dúas leguas atopas axiña un lugar./Dende alí andarás outras cinco leguas,/entón atopas un lugar que está situado sobre un empinado monte./Catro leguas máis adiante entras na cidade de Lucas (Lugo)”.
Pero non. Resulta que Allefaber non é outra que a aldea de La Faba, no concello da Veiga de Valcarce (O Bierzo). É eiquí onde se desvía o monxe Herman Künig, e non en Pedrafita, para evitar, como di, as partes máis duras do camiño, é dicir, os portos de montaña de Pedrafita, O Cebreiro, Alto de San Roque e Alto do Poio. Recomenda desviarse á dereita, é dicir, cara o norte de La Faba. É cal era daquelas o único camiño, situado á dereita de La Faba, que dende O Bierzo entraba en Galicia? A resposta é doada: a antiga Vía Romana XIX entre Asturica Augusti (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), que dende Ransinde e A Braña (O Bierzo) entraba en Galicia polo Comeal, no concello de Cervantes. Calzada onde aínda hoxe en día se observan importantes tramos. Na Braña, o camiño que aínda a comunica co Comeal, coñécese como “Camín da Antiga” e “Carretera dos Romanos”.
Entre La Faba e Lugo, polas actuais estradas, hai uns 90 quilómetros, que na época de Künig equivalerían a 11 (na Idade Media, unha legua en Alemaña viñan sendo entre 7,5 e 8 quilómetros, medida que loxicamente utilizaría o monxe quen claramente recolle que entre La Faba e Lugo había 11 leguas).
A nosa proposta inicial de levar a variante de Künig por Pedrafita do Cebreiro e o concello das Nogais debeuse, ademais da mala interpretación do topónimo Allefaber (La Faba), por tomar como referente o Camiño Real do último terzo do século XVIII que, como deixan moi claro quen o proxectaron, era de nova creación e que tivo que afrontar moitos atrancos orográficos ata a súa finalización (en varios casos, foron os propios veciños dos lugares por onde discorría quen tentaron disuadir ao enxeñeiro Carlos Lemaur por tan errado trazado. Incluso o substituto de Lemaur, o enxeñeiro Balthasar Ricaud, no ano 1769 criticou duramente o proxecto).
Na entrada “Proposta do itinerario seguido por Künig” achegamos a ruta que faría o monxe alsaciano dende a saída do Bierzo ata Lugo.

