OS CAMIÑOS DE SANTIAGO POLOS ANCARES

Ata non hai moito, a única ruta coñecida polos peregrinos a Compostela que entraban en Galicia por Pedrafita do Cebreiro era o Camiño Francés. Mais, na comarca dos Ancares, a trasmisión oral falábanos de que moitos xacobitas utilizaban unha variante máis levadeira que, por unha parte, evitaba a agreste orografía do itinerario descrito no Liber Sancti Iacobi, e pola outra as duras condicións meteorolóxicas durante o inverno.

Foi  en abril do ano 2015 cando nos puxemos a pescudar na procura dalgún dato, por moi pequeno que fose, que nos achegara algo de luz sobre un posible desvío, ou desvíos, do Camiño Francés polos concellos da comarca. E a luz chegou da man de Herman Künig de Vach, un monxe da zona de Estrasburgo (Alsacia) que profesou na orde mendicante dos servitas (Servos de María) xurdida en Italia a mediados do século XIII. Aínda que se descoñece de onde era natural, conxectúrase que podería ser da rexión de Werra xa que o texto está impreso nunha lingua que se pode admitir como medioalemán. O apelido Vach remite ao mosteiro dos servitas de Vacha. Künig figura nas fontes do cenobio nos anos 1479 e 1486 coma un mendicante e esmoleiro.

 

Despois dunha viaxe que realizou a Compostela, Künig redacta unha guía dirixida principalmente aos peregrinos alemáns: Die wallfahrt und strass zu Sant Jacob. Consta de 651 versos, está escrita en pareados, quizais coa intención de facer moito máis doada a aprendizaxe. Nun dos versos queda reflectido o nome do autor, e noutro que o libro foi escrito no día de Santa Ana do ano 1495. A impresión da primeira edición do opúsculo crese que foi en Estrasburgo, no obradoiro de Matthias Hüpfuff. 

A guía comeza co seguinte texto: "Eu, Hermann Künig de Vach,/quero coa axuda de Deus/compoñer un pequeno libriño,/que se ha de chamar "o camiño de Santiago"./Nel quero describir camiños e pasos/e de que xeito todo irmán de Santiago/se ha de prover con bebida e comida,/e nel tampouco quero/deixar sen amentar as moitas maldades dos capóns./Tamén quero dar instrución pracenteira/sobre todo aquilo do que todo irmán debe precaverse/e de como ha de servir con dilixencia a Deus e Santiago./Isto pagaranllo Deus e Santiago". O termo capóns era empregado, posiblemente, para referirse despectivamente a taberneiros e hospedeiros.

nig recomenda saír de Alemaña seguindo a oberstrasse ou vía alta (para a volta recomenda a niederstrasse ou vía baixa), comezando en Einsiedeln e pasando, entre outras cidades, por Berna, Friburgo, Xenebra e Nimes, enlazando a partir daquí coa ruta trazada polo Liber Sancti Iacobi, atravesando os Pireneos por Roncesvalles. O monxe apenas fai alusión á paisaxe, ás lendas e tradicións, preocupándose por cuestións máis prácticas: lugares, distancias, posibilidades de pousada, a calidade da comida e a bebida, a ruindade dos hospitaleiros ou como evitar os duros pasos invernais, se ben estes detalles van diminuíndo gradualmente a medida que se vai afastando do punto de partida. De feito, en Vilafranca do Bierzo (Willefrancken) só recomenda beber viño con sentido, "porque a máis dun quéimalle o corazón, que se apaga coma unha candea". Dende Vilafranca ata Santiago só nomea tres sitios polo seu nome: La Faba (Allefaber), Lugo (Lucas) e Santiago de Compostela (Compostell), citando os demais lugares situados entre os anteriores por algunha outra característica, na maioría dos casos pouco precisa (xeográfica, monumental...) e sinalando as distancias en leguas que hai que tomar con cautela xa que non en todas partes miden o mesmo, oscilando entre os catro e os sete quilómetros.
 

Para evitar unha das partes máis duras do Camiño Francés por Galicia (O Cebreiro, Alto de San Roque, Alto do Poio) debido á agreste orografía e as fortes nevaradas invernais, aconsella unha ruta máis ao norte: "Dende aquí (Willefrancken/Vilafranca) has de ir por unha ponte/e por outra aínda; agora tesme que entender ben:/se non queres coller o camiño polo monte Allefaber (La Faba),/déixao quedar á esquerda/e á altura da ponte desvíate á dereita./Ás dúas leguas atopas axiña un lugar./Dende alí andarás outras cinco leguas,/entón atopas un lugar que está situado sobre un empinado monte./Catro leguas máis adiante entras na cidade de Lucas (Lugo),/alí, alén da ponte (a ponte romana), hai unhas augas termais (termas romanas)./A cidade está construída dun xeito pouco común (clara referencia á muralla),/por iso todos a contemplan con agrado./Despois aconsélloche que, ao lado dos baños, pases por unha ponte,/tes así nove leguas ata a cidade destruída (Melide)". No ano 1467 os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo de Melide cuxas pedras foron reaproveitadas posteriormente para construír o convento do Sancti Spiritus. E de Melide xa pasa a Santiago (Sankt Jakob)
 
Como se pode comprobar, dende Vilafranca do Bierzo ata Melide só lle dedica 14 versos, e dende a entrada no territorio da Galicia actual ata a cidade de Lugo só 4, información, que pola súa vaguedade, só resulta máis ou menos clara canto á proposta, polos motivos citados máis arriba, dun camiño máis septentrional. No resto só caben conxecturas.
 
Tamén resulta curioso que a Compostela, a ansiada meta dos peregrinos para facerse cos favores do Apóstolo, apenas lle dedique unhas poucas palabras, rematando a visita cunha especie de pregaria: "Agora María, a virxe pura, nos axude,/co seu amado fillo,/a acudir con recollemento ao encontro do Santo Xacobe/e obter despois desta vida a nosa recompensa/e a recibir a coroa celestial,/que Deus lle deu ao Santo Xacobe/e a todos os santos, que viven para sempre". Nos versos seguintes xa marca o camiño de retorno.

 

AS FONTES

Polo dito, a escasísima información reflectida na guía do monxe non nos era suficiente para realizar unha proposta axeitada. Recoñecemos que a empresa non foi, nin é, fácil. Non imos enumerar os libros e documentos que pasaron (e continúan a pasar) polas nosas mans, pero foron moitos. Dalgúns nada sacamos en limpo, e doutros, os menos, apenas unhas minúsculas referencias. Pero todo axuda. 

Nun documento do ano 1525 o prior do mosteiro de Santa María de Penamaior ordenaba que os asistentes ao mercado que se celebraba ás súas portas non entorpeceran as entradas a devotos e peregrinosNoutro libriño, encardenado en vitela (pel de animal), comezado a escribir no ano 1748, os monxes de Penamaior anotaron durante algúns anos o que cobraban a cada un dos vendedores a razón do que levaban para vender, anontando o nome do vendedor e o que vendían, e na marxe dereita as cantidades en reás de vellón que lles cobraban (os reás de vellón eran unhas moedas feitas cunha aleación de prata e cobre, se ben o contido en prata era baixo, moeda creada no ano 1686 polo rei Carlos II). Despréndese claramente que Penamaior foi durante séculos un centro onde se desenvolvían importantes actividades comerciais e, polo tanto, un referente tanto para autóctonos coma foráneos, peregrinos incluídos.

Candono 2015  os do Colectivo Patrimonio dos Ancares lanzamos a iniciativa para recoñecer esta variante, entre a documentación que conseguimos para xustificar o paso de peregrinos por Becerreá atopamos varias referencias á capela do San Lourenzo, as máis antigas do século XVI que citan a ermida como de San Lourenzo do Ramallal, San Lourenzo do Rebolal e San Lourenzo do Rebolar. Un documento do ano 1568 infórmanos que nese ano xa se celebraban na ermida actos relixiosos en honra do santo; e outro do 1694 dinos que nas inmediacións había un cemiterio do que non quedan restos, confirmado polo periódico El Lucense en xuño de 1892 onde se di que ao seu carón había un camposanto. Alancando no tempo, o xornal El Gallego de marzo de 1833 fala de que xunto a ermida había un campanario do que non quedan restos visibles. Por unha noticia recollida no tamén desaparecido periódico El Regional do mes de marzo de 1892, sabemos que xunto a Pena da Cruz, situada a poucos metros da capela, enterraron un peregrino.

Nunhas notas recollidas por don José Piñeiro, coengo de Lugo no século XIX, inclúese unha anotación dun monxe anónimo de Penamaior (Becerreá) que di que en tempos de Vermudo II o Gotoso, cando a invasión dos sarracenos, o abade de Carracedo do Bierzo enviou a Fr. Pedro Calvo con outros relixiosos para as montañas de Becerreá, instalándose onde logo se levantou o cenobio. Continúa o anónimo monxe que "es muy probable y no poco fundado en privilegios y otras escrituras del archivo del monasterio de Samos, que este monasterio de Penamayor fue aquel célebre monasterio de la Peña, cuyo abad D. Virila, dio monjes y libros para repoblar y establecer el monasterio de Samos, que se hallaba desierto y abandonado, reinando Ordoño II". A fundación de Penamaior, segundo o anónimo informante, tivo como fin "recivir a diferentes peregrinos y enfermos que pasaban al Sr. San Tiago". 

Vázquez Saco, no libro Iglesias románicas de la provincia de Lugo (1947), escribe que polas montañas de Becerreá pasaba unha derivación do Camiño de Santiago.  

Luciano Huidobro y Senra, na súa monumental Las Peregrinaciones Jacobeas (1951), no tomo III adicado á provincia de Lugo, conta que dende Padornelo o camiño seguía ata Penamaior.   

Torres Balbás, no seu Monasterios Cistercienses de Galicia (1954), di que os monxes de Penamaior escolleron "Una de las profundas barrancadas que cortan las ásperas sierras por las que penetraba el Camino Francés en Galicia".


María José López Caldeiro atopou nun dos mazos dun Recopilatorio de olvidados, que se custodia no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, unha escritura de compra-venda feita polo escribán de Neira de Suxá (actual Baralla), Nicolás Fernández Cerbela, no ano 1651, en que Pedro García, veciño do lugar da Calvela, na parroquia de Ferreiros, compra a Thome Díaz, veciño de Vilartelín, unha leira que linda "con el camino francés".

Tamén foi López Caldeiro quen localizou outro documento despositado no Arquivo da Diócese de Lugo. No Libro Primero de Bautismos de Santa María de Pacios (Baralla) figura unha anotación do día 14 de decembro do ano 1780 feita polo cura de Pacios, Pedro González Valcárcel, do bautizo dun neno, nacido o día doce do mesmo mes, ao que lle puxeron por nome Jacob María. Pouca importancia tería este dato por si só, pero resulta que os pais da criatura estaban de paso, e os seus nomes eran Pelagio Coster, fillo lexítimo de Gaspar Coster e Magdalena Sihamenin, e Bárbara Baiman, filla lexítima de Lucas Baiman e María Luikonen. O marido era veciño da freguesía (cita literal) de "Santa Cruz de Rotubil, obispado de Constancia, reino de Hungría, imperio de Alemania", e a muller do lugar de Huncasen, "en uno de los cantones catholicos y ora avecindados en el lugar o ciudad de Rotubil". Actuaron como padriños os veciños da aldea da Valiña, parroquia de Pacios, Pedro Castro e Xoana Álvarez a quen o cura advertiu de que o facían como parentes espirituais a falla de familiares próximos. Constancia debe referirse á zona do Lago Constanza que na actualidade está arrodeado por Alemaña, Austria e Suiza. Rotubil debe facer alusión a Rottweil que hoxe en día pertence ao estado federado alemán de Baden-Württember. E Huncasen debe corresponderse co cantón suizo de Schaffausen. A deficiente plasmación dos topónimos por parte do párroco resulta comprensible xa que, ao descoñecer o alemán, escribiría de forma literal o que escoitaba. Descoñecemos que impulsou a esta parella a vir a Galicia, pero é probable que se dirixiran a Santiago por unha variante do Camiño Francés. Ao fillo bautizáronno co nome do Apóstolo e co da patroa da parroquia de Pacios.

 

En Los Caminos Medievales de Galicia (1988), Elisa Ferreira Priegue sinala que ao medrar a atracción de Compostela e comezar os peregrinos a desprazarse cara o oeste, Lugo converteuse nunha etapa importante, non só dos que chegaban do norte por Ribadeo, senón dos que, entrando dende O Bierzo, temían o duro camiño do Cebreiro e preferían dar un arrodeo pola capital seguindo a primitiva calzada romana: "Sigue la vía romana de Braga a Astorga, convertida en la Edad Moderna en el principal camino real de Galicia, y en la actualidad en la carretera Nacional VI. Sale de Lugo por la Puerta Toledana, pasa junto al Miño por San Fiz de Muxa, por Conturiz y Nadela, y cruza el río Chamoso por el puente del Bao, de origen romano. Sigue, entrelazado con la nueva carretera, por Santiago de Laxosa, San Cristobal de Chamoso, Corgo, Gomeán, pasa por entre los castros de Castrillón y Vilarello, va por Santa María de Franqueán y San Esteban de Vilartelín, donde se han encontrado restos romanos, y cruz el río Neira por el puente medieval de Senra en Neira de Xusá, la actual Baralla. Entre Neira y Constantín, priorato de la Orden del Hospital, se conservan todavía trechos de la calzada romana, que seguía por la Retorta, mientras un ramal se deviaba por Gundián y Vilarpunteiro hasta Liñares, donde se unía al camino de Triacastela a Penamaior. El monasterio de Penamaior, en plena ruta de peregrinación, estaba comunicado con el camino grande por la Herrería".

Carlos Nárdiz Ortiz, no seu El territorio y los Caminos en Galicia. Planos históricos de la Red Viaria (1992), di que "Por Lugo pasaban también en dirección a Santiago los caminos que se desviaban del Camino Francés en el puerto de O Cebreiro. Uno por Becerreá, Corgo y Gomeán, por un trazado distinto de la vía romana, y otro después de pasado el espinazo de la Sierra do Rañadoiro que atravesaba el río Neira por el puente de Carracedo".

 

O sacerdote, profesor e escritor Jaime Delgado Gómez, falecido non hai moito, opinaba que a variante arrincaba dende Padornelo, separándose despois na Casa de Chancia, un en dirección á Ponte de Carracedo (Láncara) e outro en dirección ao Pando, Torés e Becerreá. 

En O Corgo na Ruta Xacobea, da Asociación Cultural Arumes do Corgo e da Xunta de Galicia, faise referencia a que O Corgo tamén é paso das peregrinacións a Compostela, de xeito que os peregrinos tiñan a posibilidade, debido a esta variante do Camiño Francés, de rematar a peregrinaxe pasando pola herdeira do máximo esplendor romano a través dun terreo máis propicio para o camiñante.

@s investigador@s da Universidade de Vigo, Silvia Calvo Iglesias e Gonzalo Méndez Martínez, pertencentes ao equipo de investigación Avaliación Ambiental e Estratéxica, o día 14 de xullo de 2016, no curso de verán da USC celebrado en Piornedo (Cervantes) sobre "Biodiversidade e patrimonio na montaña lucense. Conservación e uso social", informaron da existencia de dúas referencias na cartografía histórica relativas ao trazado do camiño francés de Santiago ao seu paso pola comarca dos Ancares. O achado sitúa o paso desta vía polo Campo de Arbol (mal chamado da Árbore xa que deriva do nome de persoa Arborius), na parroquia de Cascallá (Becerreá), dato que contribúe a completar a información que levamos documentada. Estas referencias na cartografía histórica corresponden a dous mapas de 1798 realizados no marco do "Pleito entre Nicolasa Manuela Losada y Pedro de Santiso, sobre la restitución de ciertas heredades". Titulados "Mapa de los términos y montes del lugar de Nantín (Lugo)". Estes mapas pertencen ao arquivo da Real Chancillería de Valladolid. Colección e debuxos desagregados, nº 168 e 169. A referencia ao Camiño Francés antigo, localízase tanto no texto da lenda como de forma gráfica nos mapas. Aínda que na propia descrición da catalogación arquivística dun dos mapas áchase identificado o termo "camino franzés antigo", a súa contextualización prodúcese no marco dunha investigación sobre a evolución das paisaxes culturais de Galicia mediante cartografía histórica. A investigadora Silvia Calvo Iglesias sinala que a abundante toponimia presente en ambos mapas fixo posible situar os termos referidos a localidades descritas na cartografía histórica e a súa xeorreferenciación. Gonzalo Méndez Martínez, responsable do grupo de investigacción, experto en cartografía histórica, destaca o interese da cartografía histórica na análise da evolución do territorio e a fortuna de poder identificar a referida variante do camiño en dous documentos de detalle como os citados.

 

No desparecido periódico La Voz, de Madrid, atopamos unha entrevista publicada o día 14 de xullo de 1928. Baixo o título Los centenarios españoles cuentan su vida a "La Voz", Jesús de Santa María entrevista a D. Francisco García López, de 102 anos, veciño da aldea de Gundián, en Baralla (daquelas Neira de Xusá). Don Francisco naceu o 26 de abril de 1826, e foi bautizado na igrexa de Piñeira. Entre outras cousas da súa vida, lembraba que cando era pequeno vía pasar aos peregrinos que ían a Santiago. Cando regresaban traían nos traxes cunchas pegadas. Di que socorrían a algúns porque eran moi pobres. Todo apunta a que os peregrinos chegaban a Gundían polo camiño histórico que comunicaba co mosteiro de Penamaior.

 

OUTRAS VARIANTES

Existen outras derivacións, bastante frecuentes nos outros Camiños de Santiago que discorren por Galicia, que enlazaban coa variante anterior ou partían dela.

En documentos do Pazo de Fabal (Cervantes) do século XVI, cítase a primitiva vía romana XIX como Camiño Francés. No mesmo concello atópase a igrexa de Vilapún, localidade por onde tamén discorría unha variante da vía romana, coa imaxe de Santiago vestido de Peregrino.

 

 
Dende Baralla, outro desvío iría ata a Pobra de San Xiao (Láncara) e Lugo. No percorrido érguense as igrexas de orixe románica de Aranza, Pousada e Covas, todas postas baixo a protección de Santiago, con tallas do santo vestido de Peregrino. Vázquez Seijas (1967) di que por Acivido, na parroquia de Covas (Baralla), pasaba un dos atallos da primitiva vía romana que logo foi utilizada polos peregrinos a Compostela. Quizais a noticia máis antiga sobre Santiago de Covas (Baralla) é a que aparece na Crónica do bispo Sampiro de Astorga (956-1041) que abrangue dende o ano 866 ao 899, como continuación das Crónicas de Afonso III (866-910), o Adefonso Regi Gallaeiciarum ou Rex Gallaetia citado nos textos árabes ou polo papa Xoán IX. Sampiro recompilou os feitos que considerou máis relevantes. O relixioso e erudito Juan de Ferreras (1652-1735), nun apéndice da súa Synopsis historica chronologica de España (1700-1727), transcribe un documento de Sampiro onde se di que o rei Afonso doou á igrexa de Oviedo, en Gallaecia, "Suarna..., Villa Avioli..., Valle-Longo..., Neira coas posesións de San Martín de Esperela e Santiago de Covas con todos os seus agregados: Layora e a posesión de San Martín de Perrellinos".
 
 

Segundo Vázquez Saco, na obra citada máis arriba, dunha derivación do Camiño Francés que dende Pedrafita ía por Lamas de Biduedo, Serra da Albela (Triacastela), Furco, Galegos e Carracedo, partía outra secundaria que discorría por Furco de Meda (Láncara), Lexo (Baralla), internándose en Penamaior polo lugar de Liñares (Becerreá). Este autor cita un artigo de Juan Bautista Neira titulado Abadía de Penamayor, publicado na revista El Lucense en abril de 1896, onde di que o pobo de Liñares, con enfermería, estaba no século XVI dentro da freguesía de Penamaior. 

Sería a partir do da construción do Camiño Real, a finais do século XVIII, cando os peregrinos tamén utilizarían esta nova infraestrutura para, dende Pedrafita, continuar por Doncos, As Nogais, Agüeira e Ponte de Cruzul.

O investigador Luis López Pombo, no seu libro Concellos de As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Un recorrido por sus parroquias, propón, para evitar o Alto do Poio, outro itinerario que, procedente de Padornelo, tansitaría polo concello de As Nogais polo outrora denominado Camiño da Antiga ou dos Romanos, citado nun documento da igrexa de Fonfría do ano 1757: O Lago, Casa de Chancia e As Cruces, para confluír en Lamas de Biduedo (Triacastela) co camiño habitual. "De junto el riego al Camino Real, en otro tiempo llamado de la Antigua o Camino de los Romanos, va el término por toda la Antigua dejando la mayor parte de la cocina de la Casa de Chancia en donde había antes un marco dentro de este curato".

    

Segundo o PXOM das Nogais (2016), tras deixar o Alto do Poio (Pedrafita do Cebreiro), chégase ata O Lago, no mesmo concello. Dende alí avanza ata o Teso dos Garbanzos ata chegar ao termo municipal das Nogais, internándose na parroquia de Nullán por unha pista entre bosques, sen perder a altura paralela á estrema dos concellos das Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Neste punto entra na parroquia da Alence.

Dende a descrición anterior, continúa o PXOM, chégase ao núcleo de Fonfría, na parroquia da Alence, vaise xirando cara o sudoeste ata chegar ao límite municipal no lugar da Pena da Cabra, onde alcanza o termo de Triacastela. Nas Nogais, a zona de respecto chega ata os cumios das serras meridionais do concello, abarcando áreas pertencentes ás parroquias da Alence e Torés paralela aos límites municipais de Pedrafita do Cebreiro e Triacastela con As Nogais. Logo de bordear polo sur o núcleo rural das Cruces, na parroquia da Alence, chega ata a zona norte do núcleo de Lamas de Biduedo, na parroquia de igual nome no concello de Triacastela. 
 
Chama a atención que o PXOM nada diga do paso da variante de Künig polos sitios que dende finais do ano 2018, cando a creación do denominado "Proxecto Künig", auspiciado polo Concello das Nogais, a meten polo Camiño Real de finais do século XVIII  coa única intención de que atravese a capital municipal. (Na "Presentación" falamos do politiqueo utilizado para que a Xunta de Galicia recoñeza "a súa variante").
 
A LENDA

Nesta variante do Camiño Francés de Santiago polos Ancares coñecemos dúas lendas relacionadas coa peregrinación a Compostela.

Aínda que a primeira é de sobras coñecida, achegámola aquí pola importancia do final da mesma. Cóntase que cando os discípulos de Santiago o Maior chegaron a Iria Flavia (Padrón) cos restos do Apóstolo, achegáronse ao castelo da raíña Lupa para solicitarlle axuda para trasladar o corpo. Lupa díxolles que tiñan que falar con Filotio, legado do emperador de Roma. Mais este, desconfiado, ordenou prender aos discípulos, guindándoos a unha escura mazmorra da que foron liberados por un anxo. As lexións romanas saíron na súa busca e, cando xa estaban a piques de collelos, a ponte que viñan de cruzar os discípulos derrubouse. Ao coñecer o feito, Lupa converteuse ao cristianismo. Outra versión conta que a raíña facilitoulles uns bois e un carro para transportar o corpo de Santiago, mais, cando chegaron ao Illicino (o Pico Sacro), os bois transformáronse en touros bravos. Os atemorizados seguidores do Apóstolo, prevendo o seu fin, fixeron o sinal da cruz e, de súpeto, os touros amansaron. É entón cando a raíña Lupa abraza a fe cristiá e, para conmemorar o prodixio, manda construír o castelo de Torés, no concello das Nogais, como totem aos touros que transportaban o corpo do discípulo de Cristo.

 

A outra lenda tamén ten lugar no concello das Nogais. O castelo de Doncos foi erixido na segunda metade do século XV á beira do río Navia. Situado no antigo camiño medieval, defendía a entrada a Galicia. Coñécese tamén como Castelo da Grupa pola lenda que narra que durante a Reconquista un dos trece cabaleiros que nel moraban para defender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela viu como unha parella de cristiáns era atacada por un grupo de sarracenos. Un deles tomou como prisioneira á muller, e con ela montada na anca do seu cabalo tentou fuxir. Mais, cando o sarraceno xa estaba a piques de ser atrapado polos cabaleiros, desenvaiñou o seu alfanxe e dun talo degolou á moza para que, disque, ninguén gozase da súa beleza. 


BIBLIOGRAFÍA

Amor Meilán, M.: Historia de la provincia de Lugo (1991)
Andrade Suárez, M.J., Leira Lavandeira, G., Caramés Valo, R.: El turismo como factor estratégico de desarrollo rural. El Camino de Santiago francés (2010)
Asociación Cultural Arumes do Corgo: O Corgo na Ruta Xacobea
Estefanía Álvarez, M.: Vías romanas de Galicia (1960)
Ferreira Priegue, E.: Los Caminos Medievales de Galicia (1988) 
Herbers, K. e Ploötz, R.: A peregrinaxe e o camiño a Santiago de Hermannus Künig de Vach: a clásica guía de peregrinos alemana (1945), versión galega de X. M. García Álvarez (1999)
Huidobro y Senra, L.: Las Peregrinaciones Jacobeas (1951) 
López Pombo, L.: Concellos de As Nogais, Pedrafita do Cebreiro y Triacastela. Un recorrido por sus parroquias
Nárdiz Ortiz, C.: El Territorio y los Caminos de Galicia. Planos históricos de la Red Viaria (1992)
Pardo González, G.: Tese de doutoramento inédita: Notas sobre el arte en Becerreá (1957)
Rodríguez Colmenero, A. e Álvarez Asorey, D.: Vía romana XIX: unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma (2008)
Sáez Taboada, B.: As vías romanas na provincia de Lugo (2004)
Sáez Taboada, B.: Aportaciones al trazado de la vía 19 del Itinerario de Antonino a su paso por Galicia (2002)
Torres Balbás, L.: Monasterios Cistercienses de Galicia (1954)
Vázquez Saco, F.: Iglesias románicas de la provincia de Lugo (1947)