Despois da aclaración na entrada “Recoñecer unha equivocación”, achegamos a nosa proposta da ruta realizada por Herman Künig de Vach dende a súa saída do Bierzo, pasando pola comarca dos Ancares, ata Lugo onde enlazaría co Camiño Primitivo. Como indicamos, despois de desviarse en La Faba cara o norte para evitar, sobre todo no inverno, o agreste camiño e as fortes nevaradas, entraría en Galicia pola primitiva Vía Romana XIX, continuando pola mesma ata as proximidades do Cereixal, en Becerreá, e dende eiquí seguiría ata o mosteiro de Santa María de Penamaior, asociado na documentación á acollida de peregrinos. Por certo, os concellos que integran o "Proxecto Künig", supoñemos que "asesorados" pola persoa que elixiron como responsable, rexeitaron que o itnerario pasara polo cenobio de Penamaior, onde a presenza de peregrinos está documentada. Foi despois de sucesivas denuncias públicas feitas polo noso colectivo e logo polo alcalde de Becerreá polo que decidiron mudar de parecer, iso si, só como un desvío ao itinerario que propoñen.
O BIERZO: Vilafranca do Bierzo, La Faba, Ransinde e A Braña (O Bierzo). En La Faba, no ano 2017, debido aos lumes, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un impresionante tramo da Vía Romana XIX que enlazaba co Comeal.
CERVANTES: O Comeal (consérvase un tramo da Vía Romana XIX), Riamonte, Santa Mariña, As Covas, Vilaspasantes (consérvanse restos da vía romana), Rionaval, O Pontorrón ou Vilapún (no retábulo da igrexa hai unha imaxe de Santiago Peregrino), O Fabal (documentos dos séculos XVI e XVII que falan de Camiño Real e Camiño Francés), Santa Xusta, Soutelo, O Lameiro, San Martiño das Canadas, O Queirogal, Santo Tomé de Cancelada, O Mosteiro, A Estrada e A Chá.
BECERREÁ: As Pontes de Gatín (ubicación da mansión romana de Pons Neviae), A Borquería, estrada de Navia de Suarna, Ouselle (seguindo o Camín da Antiga), A Reboleira, Penas do Enciñal, O Cereixal, Mosteiro de Penamaior e Vilarín.
BARALLA: Constantín, Baralla, Teixeira, Pacios e Sobrado do Picato.
O CORGO: Cima de Vila, Gomeán, Hospital de Chamoso, Bocelo e O Lousado.
LUGO: Mazo de Santa Comba, A Gándara, A Lavandeira, Seoane, Conturiz, Tolda de Castela, enlazando logo co Camiño Primitivo.
Cabe a posibilidade de que ao chegar ao Cereixal, os peregrinos optaran por continuar pola Vía Romana XIX polo Casar (antigo camiño dos Arrieiros), A Lagúa, Todón (non moi lonxe está a igrexa de Santiago de Nantín), Ponte de Neira, A Condomiña (eiquí situábase a mansión romana de Timalinus), Carballedo e A Pena.
