PRESENTACIÓN

Sobra aclarar que o Camiño de Santiago máis antigo que discorre por Galicia é o Camiño Primitivo, pero a ruta máis coñecida polos peregrinos que se dirixen a Compostela é o Camiño Francés, descrito xa no século XII no famoso Liber Sancti Iacobi, que entra en Galicia por Pedrafita do Cebreiro. Outros itinerarios recoñecidos nos últimos anos pola Xunta de Galicia son O Camiño de Fisterra, a Vía da Prata, o Camiño Portugués, o Camiño de Inverno, o Camiño do Norte e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Malia o dito, ao longo dos séculos e por distintos motivos, os peregrinos utilizaron unhas variantes que se afastaban das rutas principais pero que tamén tiñan como obxectivo a Cidade do Apóstolo, entre elas unha que discorría pola comarca dos Ancares e que na primavera do ano 2015 bautizamos como Vía de Künig en honra dun monxe alsaciano que escribiu unha guía no ano 1495. Procedente de Vilafranca do Bierzo e La Faba, entraba no territorio da Galicia actual, atravesando parte da comarca dos Ancares e O Corgo ata a cidade de Lugo onde enlazaba co Camiño Primitivo.
 

Foi en abril do ano 2015 cando dende a Asociación Val de Torés e o Colectivo Patrimonio dos Ancares comezamos a buscar información sobre esta variante do Camiño Francés polos Ancares. 

Ademais da ambigua guía de Künig, que non cita polo seu nome nin un só lugar da comarca (na provincia só fala de Lugo capital), a documentación escrita, a toponimia e a transmisión oral animounos a solicitar o recoñecemento á Xunta de Galicia dunha ruta de peregrinación pola comarca dos Ancares, O Corgo e Lugo. Na actualidade estamos á espera de que se pronuncie ao repecto, espera na que non nos mantivemos nin mantemos pasivos. Ao longo deste tempo, ademais de continuar na procura de documentación, realizamos charlas, concertos, andainas, intervimos en foros, etc. 

Queremos salientar que recoñecer esta variante, nun momento en que a nosa comarca se debate entre o despoboamento e o desmantelamento do medio rural, pode axudar a fixar poboación e así atopar unha alternativa dinamizadora. Ben é certo que o turismo asociado ao Camiño só é unha medida sectorial que por si mesma non vai a solucionar os problemas das áreas rurais xa que a despoboación e a precariedade económica precisa doutras actuacións globais, mais tamén é certo que o turismo pode ofrecerse coma un piar en que apoiar a rehabilitación social e económica.
 
A finais do ano 2018 creouse o denominado "Proxecto Künig", auspiciado polo Concello das Nogais, que meten a variante polo Camiño Real de finais do século XVIII coa única intención de que atravese a capital municipal. Unha falta total de rigor que en varias ocasións denunciamos dende o noso colectivo. O motivo que levou ao Concello das Nogais a inventar un camiño foi cando nos negamos a seguir as "directrices" do seu alcalde que, por certo, nin el nin os políticos do resto dos Concellos, nin os que gobernan nin os da oposicion, escoitaran falar da guía do monxe Künig ata que nós llo dixemos. Mesmo, cando lanzaron o seu "Proxecto", dende a Sociedade de Xestión do Xacobeo, o organismo público que está baixo a tutela  da Axencia de turismo de Galicia dependente da Xunta e dende a Mancomunidade do Camiño Francés deslexitimaron publicamente ese proxecto. Curiosamente só lles contestamos nós, defendendo a variante, eles nin mú. Silencio que máis tarde comprendemos cando dende a propia Xunta de Galicia comezaron a soltarlle cartos a esgalla para a "súa variante" (entre outros, 45.000 euros para sinalizala), non só antes de que, como marca a Lei, fora aprobada, senón incluso moitísimo antes de que presentaran unha proposta. Como nos confesou un alcalde por onde pasa a variante, levamos as de perder, pouco temos que facer contra a política. Política ou politequeo?